Friday 29 de March de 2024

O Concello da Coruña convoca axudas por valor de 1,3 millóns de euros destinadas á rehabilitación e reforma de inmobles


O importe subvencionable elévase ata os 22.000 euros por unidade familiar e os receptores das axudas poderán contar cun anticipo do 50% do importe unha vez aprobada a solicitude

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Juan Manuel Díaz Villoslada, convocará axudas por valor de 1.338.350 euros destinadas a financiar a rehabilitación ou reforma de inmobles na Cidade Vella, Pescadería e Labañou; o Grupo de Vivendas María Pita e O Ventorrillo, tres ámbitos da cidade incluidos en Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas (ARRU).

Dentro desta rolda de axudas inclúense diversas novidades. Nas ARRU de Labañou e Ventorrillo primaranse as melloras naqueles edificios cun maior número de vivendas e habitantes, mentres na Cidade Vella darase prioridade ás reformas en inmobles catalogados.

Do orzamento total, 529.612 euros irán destinados ao Ventorrillo; outros 571.290 a Labañou e Grupo María Pita e, por último, 237.447 euros para o casco histórico e a Cidade Vella.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey incrementará o importe subvencionable por unidade familiar, que anteriormente era dun máximo de 12.000 euros. A partir de agora haberá un límite de 22.000 euros que podería chegar aos 30.000 euros segundo o caso.

Os interesados terán dous meses de prazo para a presentación de solicitudes, e tamén se poderán requerir anticipos de ata o 50 % do importe finalmente concedido.